Anatomía Patolóxica - Consultas

Anatomía Patolóxica - Consultas

Na inspección oficial en matadoiros a interpretación de mecanismos patoxénicos, a toma de decisións para o ditame final da inspección en base a criterios científicos e a identificación de riscos para a seguridade alimentaria son elementos indispensables para lograr a garantía dun control exhaustivo.

O Servizo Veterinario Oficial durante o proceso de inspección post-mortem debe ter os coñecementos para:

• Clasificar as lesións en agudas e crónicas.
• Determinar se os procesos son localizados ou xeneralizados.
• Coordinar os achados da inspección ante-mortem e post-mortem
• Solicitar en caso necesario as probas complementarias á inspección.

Terá que avaliar todos estes aspectos para poder emitir un ditame de apto para consumo ou ben proceder ao decomiso parcial ou total da canle e refugallos no caso de que exista algunha alteración ou anomalía que comprometa a seguridade alimentaria.

En canto ás técnicas e métodos de inspección post-mortem o recoñecemento habitual é un exame sensorial e macroscópico dos produtos obtidos do animal tras a carnización. Así se aprecia a cor, o cheiro e o aspecto. Nalgúns casos, precísase facer incisións ou cortes en órganos, illamento e cortes en ganglios linfáticos, e mesmo despezamentos da canle, aínda que debe procurarse limitar estas intervencións ás estritamente necesarias, ao obxecto de non devaluar os produtos e evitar contaminación microbiana, sobre todo se se trata de lesións.

O Servizo Veterinario Oficial pode e debe recorrer aos medios auxiliares de diagnóstico de probas de laboratorio cando o aconselle o exame ou recoñecemento macroscópico. No caso das probas de laboratorio, o veterinario debe asegurar que se toma suficiente mostra para levar a cabo as probas de diferente índole que se vaian a realizar como complemento á inspección: probas microbiolóxicas, parasitolóxicas, histiopatolóxicas,físicas e químicas.

Para aqueles casos en que se achen dificultades para alcanzar un diagnóstico. O equipo de patólogos veterinarios que forma parte do Departamento de Anatomía Patolóxica da Facultade de Veterinaria de Lugo - Universidade de Santiago de Compostela atenderá as súas consultas co fin de facilitar a identificación de lesións en canles e vísceras durante a inspección postmortem.

A consulta faise de forma telemática, este sistema de consulta está facilitado pola aplicación informática Semaga que xa ven xestionando a inspección veterinaria en matadoiros. Dita aplicación utiliza dispositivos móbiles para a inspección que poden fotografar a lesión in situ.

Por tanto as consultas basearanse no envío de imaxes dixitais, ademais de ir informadas nun formulario en canto a identificación e datos de contacto, identificación do establecemento, prioridade e descrición do problema (especie animal, número de animais afectados, raza, sexo, idade, órgano/s afectado/s, extensión/gravidade da afección, descrición macroscópica, sospeita do veterinario que remite a consulta, etc.).

Este servizo de soporte especializado destinado aos Servizos Veterinarios Oficiais de Saúde Pública pertencentes á Conselleria de Sanidade da Xunta de Galicia, destinados nos matadoiros, para aqueles casos en que se achen dificultades para alcanzar un diagnóstico complétase con:

• Consultas telemáticas
• Remisión de mostras para análises (cando se requira)
• Análise laboratoriales
• Publicación web de casos para consulta de toda a organización

 

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde