Inspección Antemortem

Inspección Antemortem

- Control Oficial
- Mecánica da inspección
- Procedementos do establecemento
- Achados e non conformidades
- Medidas adoptadas
- Ditame

A inspección antemortem (IAM) ten como finalidade valorar se os animais que chegan ao matadoiro están ou non en condicións adecuadas para o seu sacrificio e ditaminar posteriormente a súa aptitude ou non para o sacrificio con destino a consumo humano.

O veterinario oficial efectuará a IAM de todos os animais antes do sacrificio por lotes ou de forma individual de acordo coa especie inspeccionada. A inspección realizarase nas 24 horas seguintes á chegada destes ao matadoiro e menos de 24 horas antes do sacrificio. Ademais, o veterinario oficial poderá decidir realizar unha inspección en calquera outro momento.

A IAM deberá efectuarse en condicións adecuadas de iluminación, coa dotación de material necesario e coa colaboración do operador económico nas operacións que lle sexan requiridas por parte do veterinario oficial. Realizarase durante a estabulación, e sempre que sexa posible, durante a descarga.

En xeral procederase a comprobar:

• Grao de limpeza dos animais.
• Identificación animal: presenza de marcas auriculares e inviolabilidade das mesmas na medida do posible, tatuaxe, etc. Erros na correspondencia coa documentación que ampara o transporte dos animais.
• Documentación de acompañamento.
• Estado sanitario, animais con sintomatoloxía compatible con calquera enfermidade.
• Presenza de animais destinados ao matadoiro dentro dun plan de erradicación de enfermidades.
• Presenza de signos de tratamento farmacolóxico ou sospeita da administración de substancias prohibidas.
• Aptitude para o transporte.
• Benestar animal durante o sacrificio e operacións conexas.

Unha vez realizada a inspección antemortem establecerase un ditame se é apto para sacrificio con destino a consumo humano ou non.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde