Control veterinario oficial

O SVO verificará o cumprimento por parte do operador económico dos requisitos de benestar animal establecidos na normativa de aplicación.

O control do benestar animal ademais realizarase de forma continua ó longo de varias das etapas de manexo (na descarga, condución á estabulación, estabulación, condución ao atordamento) inspección antemortem, suxeición e atordamento, sangrado e esfolado e inspección postmortem, podéndose detectar achados e incumprimentos nestas etapas relacionados co benestar animal.

En xeral, a natureza dos controis basearase na supervisión e detección de incumprimentos dos requisitos de tipo documental, estrutural e operacional.

Dun xeito indirecto, e a través da inspección antemortem e postmortem, pódense identificar problemas de malos tratos ós animais que poden ter a súa orixe na granxa de procedencia do animal: animais caquécticos, excesivamente sucios (sucidade atrasada), pezuñas moi longas, feridas (como as orixinadas ó redor do pescozo por unha suxeición incorrecta dos animais), hematomas na canle, caudofaxia, dermatite de contacto, etc.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio